OURENSE, 4 de abril de 2022. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel Garcia Díaz, ofreceu unha nova charla sobre a UNED no IES Martaguisela do Barco de Valdeorras. O doutor García Díaz dirixiuse aos alumnos de Bacharelato para achegarlles o mundo universitario a través da UNED. O relator foi presentado pola secretaria do centro educativo, Mirita Moreta Blanco. Os estudantes seguiron o desenvolvemento da charla con interese. Como non todos teñen previsto ir á Universidade, García díxolles que a súa opción é igual de lexítima que a de quen irá a estudos superiores. "Se pretendedes cursar un ciclo superior en FP non esquezades que desde aí podedes saltar á UNED. E quenes vaiades traballar ou opositar, se cadra cando menos esperédelo éntranvos ganas de cursar estudos universitarios. A vida dá moitas voltas".
Os mozos reunidos no salón de actos do instituto barquense coñeceron a estrutura da UNED explicada dun modo comprensible polo relator. E como se estuda nela. Informóuselles de que non hai notas de corte nesta Universidade a cal, polo seu nivel de esixencia permite que sexa o propio estudante quen comprobe se é capaz de triunfar no estudo. Insistiulles en que esixencia non é o mesmo que imposibilidade.
Cada estudante soubo que no caso ourensán, se opta pola UNED, pode seguir os seus estudos a través das titorías do cadro de persoal de profesores titores que ofrece a universidade tanto en Ourense como en A Rúa. "Se es de Carballeda, de Vilanova, de Robledo de Domiz ou de Casaio, por dicir algunhas localidades da nosa querida Valdeorras, podes facer os teus estudos superiores desde aí e o teu labor de estudante non ten nada que envexar ao de quen o fai nunha cidade, noutro tipo de universidade. Na UNED nunca vades estar sós, e lembrade que pertenceredes a unha institución que ten medio século de innovación tecnolóxica.
O relator insistiu na necesidade de ser sempre constantes no traballo e nas numerosas lecturas que han de facer ao longo da súa carreira. "Nunca vos permitades perder o tempo", indicou. "Convídovos a que adquirades o gusto por cultivar a procura de coñecemento, na que, a medida que profundades, acharedes matices de beleza e elegancia", dixo García Díaz.
Que saiban onde buscar boa información para os seus traballos académicos e que aprendan a desenvolverse en público, sen medo escénico, son outros puntos tocados polo relator. "Non debedes ir pola vida coma se vos quixerades agochar, pasar desapercibidos; iso de non levantar a man que me dá corte. Aprendede a soltarvos e a comunicar ben, a comunicar vida!". O director de UNED Ourense deulles claves para triunfar no estudo engadindo que o mundo lles espera para melloralo. E isto pode ocorrer dentro ou fóra das nosas fronteiras, dentro ou fóra da nosa zona de confort. "Na universidade irédevos abrir ao mundo enteiro. Apostade por ser persoas cultas, sen por iso deixar de ser vós mesmos, mozos sempre cheos de ilusións, persoas ambiciosas sen deixar de ser humildes cara o inmenso universo de coñecemento que vos espera. Gozade estas últimas semanas como bachareis e pensade ben que titulación superior queredes facer. Na páxina web www.uned.es dispoñedes, a día de hoxe, de 28 graos que nuns días serán 30, pois se incorporan Enxeñería da Enerxía e Educación Infantil. Mirade cada un dos graos, coas súas memorias onde vos explican todos os requisitos. Mirade tamén o Libro Branco da ANECA con todas as titulacións e as universidades onde se ofertan".
O director de UNED Ourense pechou así a visita aos IES do Barco, nos que impartiu tres charlas. Tamén fixo o mesmo hai varias semanas no Colexio San Pablo VI da Rúa. Nos próximos días visitará os IES Cosme López da Rúa, o Germán Ancochea da Pobra de Trives e o Carlos Casares de Viana do Bolo. Esta campaña de comunicación sobre a nosa universidade que leva persoalmente a cabo o director está a ser moi ben recibida nos distintos centros educativos. E axuda a poñer a UNED á vista de cuantos novos prepáranse para acceder á educación superior. "A nosa universidade, que agora cumpre os seus primeiros 50 anos, esta presente na provincia de Ourense desde fai trinta anos, e iso foi e segue sendo posible grazas ás institucións que desde entón integran o Consorcio do Centro Asociado á UNED en Ourense, ás que mostramos o noso agradecemento firme. Varias xeracións de cidadáns, os nosos paisanos, graduáronse aquí. A nivel nacional son tres millóns de expedientes os que garda o arquivo universitario da UNED. É unha honra e unha rotunda felicidade poder contribuír cada día a que esta Casa sea millor coñecida por todos porque ao servizo de toda la provincia está", declarou Jesús Manuel García.
UNED Ourense
Comunicación