Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Investigación UNED: Cara e cruz da COVID-19

29 de mayo de 2020

A investigación da UNED titulada Impacto psicolóxico da pandemia de COVID-19: efectos negativos e positivos en población española asociados ao periodo de confinamento nacional desvela os posibles efectos positivos da crise do coronavirus. Dirixida polo catedrático Bonifacio Sandín en colaboración coas profesoras Paloma Chorot, Rosa M. Valiente e Julia García-Escalera, foi publicada na Revista de Psicopatología y Psicología Clínica

OURENSE, 29 de maio de 2020.- A investigación verifica os principais medos e efectos negativos do confinamento sanitario, durante marzo e abril, nunha mostra de máis dun milleiro de persoas e confróntaos cos posible efectos positivos, como a valoración de determinadas circunstancias afectivas, a importancia do tempo e do futuro ou a resiliencia ás situacións duras e ao illamento. O obxectivo do estudo foi examinar o impacto psicolóxico da pandemia e o confinamento nacional vivido en España durante os meses de marzo e abril de 2020. Investigouse a prevalencia do medo ao coronavirus, os síntomas emocionais, os problemas de soño, así como os posibles efectos positivos. Traballouse cunha mostra de 1.161 participantes, homes e mulleres, residentes en todas as Comunidades Autónomas, de entre 19 e 84 anos, máis solteiros que casados ou cohabitantes, e con ingresos de menos de 25.000 €/ano na súa maioría. Todos responderon ao mesmo cuestionario en liña remitido polos psicólogos. Os resultados indican que os medos máis comúns corresponden ás categorías de contaxio- enfermidade-morte, illamento social, e problemas de traballo-ingresos económicos. O impacto destes medos é elevado e conleva problemas de soño, preocupación, tensión, desesperanza, depresión, ansiedade, nerviosismo, e inquietude… Destacan trazos como a intolerancia á incerteza e a exposición aos medios de comunicación como poderosos agravantes dos efectos negativos do illamento por coronavirus. 

   

O positivo da Covid-19

Ata aí a análise da cruz que pon a pandemia do coronavirus nunha sociedade confinada, que xa está a ser verificada en numerosos estudos tanto da UNED como do resto de universidades e institucións científicas e sanitarias. Pero ten o coronavirus unha cara? Os resultados deste equipo de investigadores atopárona, xa que puideron demostrar que o confinamento favorece algunhas experiencias persoais positivas, como certos cambios nos valores persoais, distintas formas de administrar o tempo ou a resiliencia antes situacións negativas. Aínda que os investigadores asumen que os principais efectos do impacto psicolóxico do confinamento son de tipo negativo, desexaban comprobar ata que punto podería ter efectos positivos no individuo. Comprobar a mellora na valoración das actividades ao aire libre, as relacións interpersoais, a convivencia familiar, a propia calidade de vida, a organización do tempo ou as novas afeccións, foron a resposta.

Sandín, Chorot, Valente e García-Escalera inciden no seu artigo en que os resultados da investigación posúen implicacións clínicas relevantes, xa que os participantes informaron sentir con moita ou moitísima intensidade os efectos dos medos descritos no estudo, o que indica a necesidade de atención psicolóxica especializada nunha porcentaxe elevada de persoas. Doutra banda, e como aspecto máis novo da investigación, destácase como a situación de adversidade xerada pola pandemia pode facer que algunhas persoas vivan experiencias positivas e enriquecedoras, que sexan máis conscientes e valoren condicións de vida que antes lles pasaban inadvertidas. Experiencias que poderían ser tamén de gran valor para fortalecer a saúde e resiliencia das persoas afectadas e que poderían ocupar un papel importante nos programas de intervención psicolóxica.

Aida Fernández

Comunicación UNED

 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es