Mapa web
Youtube
Campus UNED

O franquismo depurou en Ferrol e bisbarra a 242 mestres

4 de abril de 2019

O director da UNED en Ourense analizou na cidade departamental o proceso levado a cabo cos docentes na provincia coruñesa

OURENSE, 4 de abril de 2019.- O director do Centro Asociado á  UNED en Ourense, Jesús Manuel García, ofreceu unha conferencia en Ferrol para falar sobre os mestres desta bisbarra depurados polo franquismo, así como os do resto da provincia coruñesa. O acto tivo lugar, organizado pola Fundación Luís Tilve, no salón do Ateneo  Ferrolán, o pasado mércores. García Díaz explicou polo miudo o proceso depurador e deu datos concretos dos mestres que, segundo a documentación manexada, exerceron nos municipios que formaban a comarca ferrolá nos anos 30 do século  XX. Tales municipios, algún deles hoxe non existe, eran: Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos; Narón, Neda, San Sadurniño,  Serantes, Somozas e Valdoviño que, naquel tempo, sumaban entre todos  116.972 habitantes. O total de mestres expedientados nestes  concellos é de 242. (Ferrol tiña 31, seguido de Narón, con 28 e  Serantes e Fene, cada un con 22).

O doutor García Díaz expuxo que o total de mestres sancionados foi de 58, un 24%; o de docentes non castigados, 76, un 31,4%. As mestras sancionadas foron 11, un 4,5% e as non sancionadas, 93, un 38,4%. Por tanto, na comarca de Ferrol resultaron sancionados en total 69 docentes, é dicir, un  28,5%,   e foron absoltos 169  encartados, un 69,83%. Os municipios con máis mestres castigados foron Ferrol e Narón, ambos con 13. E os que tiveron máis mestres non sancionados foron Fene (20), Narón e Neda (15); Mugardos (14). E o único concello onde non houbo ningún docente sancionado foi Ares.

Naqueles anos de 1930 A Coruña tiña 95 municipios repartidos en 14 partidos xudiciais. Na provincia había 767.608 habitantes e en Ferrol: 35.563. En 1940 a poboación provincial creceu ata situarse en 883.090 habitantes e Ferrol pasou a ter 59.829 habitantes.

O director da  UNED en Ourense sinalou que, aínda que a súa investigación céntrase na depuración administrativa, “tamén recollemos os nomes de mestres que nos consta, pola documentación que sufriron, ademais, represión física: asasinados, encarcerados… Nestes casos sufrían dobre castigo, o citado e o proceso depurador administrativo, que culminaba coa súa expulsión do Maxisterio”. Así, entre outros casos, en Ferrol,  Eugenio Meizoso Núñez, de Sedes, Narón, foi asasinado. Segundo o alcalde, “falleció en los primeiros días del Glorioso Movimiento Nacional Salvador de España”. O cura cualificouno de “propagador contra la Religión” e de relacións  subversivas, engadindo: “Se  mofaba de la Religión insultando a los vecinos cuando iban a misa llamándoles burros, parvos, etc”. Tachábao de socialista, do FP e “procesado como presunto incendiario de la iglesia de  Serantes”. E José Ramón Fernández  Barral, de 37 anos, tamén socialista e membro do Comité Municipal de Ensino Primario, foi asasinado o 19 de agosto de 1936. Os seus restos foron achados en Camouco-Ares. Outra mestra represaliada, María Vázquez Suárez, foi asasinada na praia de Bañobre o 19 de agosto de 1936, foi acusada de defender a escola laica e de non celebrar o funeral católico á súa nai por ser socialista. Catro anos despois de asasinala, iniciouse o seu expediente depurador no que se ve a crueldade dos informes.

 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense 32001 Ourense - Ourense. Tel. 988371444 info@ourense.uned.es