Mapa web
Youtube
Campus UNED

Roberto Blanco Valdés: "Non hai acordo para facer unha reforma constitucional"

11 de marzo de 2019

O catedrático da USC abriu as xornadas sobre a Transición á democracia organizadas pola Uvigo e a UNED en Ourense

OURENSE, 11 de marzo de 2019.- Cun cheo total inauguráronse no Campus de Ourense as Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente que co tema A Transición á democracia e a Constitución de 1978 organizaron a  Universidade de Vigo e a  UNED. Este evento, que aínda se desenvolverá na tarde do martes, 12, foi inaugurado pola decana da Facultade de Historia, Susana  Reboreda Morillo e polo director da  UNED en Ourense, Jesús Manuel García Díaz. Ambos destacaron o espírito de colaboración entre as respectivas universidades. Mentres Reboreda destacou, ademais, que a Facultade desenvolve outras accións formativas para os alumnos, e agradeceu aos responsables destas xornadas a súa organización, García subliñou que a  UNED “séntese encantada de colaborar e continuar colaborando coa  Uvigo” e convidou ao público a “coñecer a nosa historia contemporánea, especialmente nestes tempos onde  predomina a posverdade. Imos, pois, ao dato, aos feitos e deixemos as emocións para outros mesteres”. (Foto principal: de esquerda a dereita: Jesús de Juana López, coordinador das xornadas; Jesús Manuel García Díaz, director da UNED; Roberto Blanco Valdés, ponente; Susana Reboreda Morillo, decana de Historia; Julio Prada Rodríguez, director das xornadas e José Ramón Rodríguez Lago, ponente).

Tras estas intervencións o primeiro relator en falar foi o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, Roberto Blanco Valdés. O seu tema era a vixencia e reforma da Constitución española. Branco tivo un discurso claro e provocador, amosando unha gran batería de novas ideas. “Esta é a mellor España que tivemos nunca”, sinalou o relator, pois non houbo outra época na que a democracia durase tantas décadas como os 40 anos de vixencia da Constitución do 78. Fixo un repaso do  constitucionalismo español, que no século  XX foi  pendular, movemento que se detivo coa aprobación da Constitución actual, “froito dun gran acordo”. Blanco Valdés manifestou que na historia constitucional española non houbo reformas constitucionais senón que se cambiou de Constitución. “A II República foi unha democracia inestable, de peor calidade que a actual”, indicou, para engadir que “moitos cren que a calidade democrática da II República era maior que a actual; isto é unha  fake  news”.

Blanco Valdés subliñou como méritos da Constitución de 1978 a resolución de varios problemas. O primeiro, dixo, é o militar. A actual Constitución coloca aos militares baixo o poder civil, non participan en política. Outro problema resolvido, segundo o relator, é o relixioso; o terceiro, a forma de goberno, que, como manifestou o catedrático, é  unha “monarquía democrática”, porque “é compatible coa democracia, o Rey non ten poder”. E lembrou que nos países que converteron as súas monarquías en parlamentarias no último terzo do século  XX “consolidaron antes a democracia”. A Constitución, seguindo o discurso de Roberto Blanco, tamén solucionou o problema da democracia, establecendo un réxime de liberdades, fixando un goberno elixido polo pobo en eleccións libres, ampliando a liberdade e facendo unha España máis europea. “España é un estado social e ten a mellor sanidade do mundo”, indicou o catedrático.

O que o relator considera que non está solucionado é o problema territorial. Se ben en España hai unha descentralización sen parangón  noutros países,  insistiu en que na práctica, España é un estado federal, apuntando que “non hai senados federais” e que o Senado español “é un disparate”.  O problema, relata Blanco Valdés, “é que temos territorios con nacionalismos, o problema é que existen partidos nacionalistas que fixeron da autodeterminación a súa bandeira”.  Terminou a súa intervención explicando porque non procede unha reforma da Constitución: “Para facela necesítanse obxectivos claros, ter claros os medios para utilizar para alcanzar eses obxectivos e que haxa un claro consenso político suficiente”. O certo, dixo, é que “non hai acordo para facer unha reforma constitucional”. Pero expuxo que a Constitución é como un esquelete ao que se lle achega musculatura, querendo decir que, a pesares de tratarse do mesmo texto, a Constitución de 1978 non é a mesma que actualmente, e puxo como exemplos a interpretación do matrimonio por parte do Tribunal Constitucional e a legalización do aborto.

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense 32001 Ourense - Ourense. Tel. 988371444 info@ourense.uned.es